AXUDAS
PLAN DEPORTE E VIDA
FINALIDADE:
· A Fundación Compostela Deporte de acordo cos seus estatutos ten por obxecto o fomento e promoción do deporte a través do apoio, difusión e axuda ás entidades deportivas compostelás e a consolidación ou atracción de eventos deportivos que poidan celebrarse na cidade de Santiago, como medio de promoción e difusión da cultura deportiva, posibilitando un maior achegamento á sociedade en xeral.
·
As axudas do Plan Deporte e Vida (PIDEVI) forman parte do Plano de Fomento e Ordenación da práctica deportiva entre as mozas e mozos composteláns e teñen como finalidade educar os/as deportistas potenciando e recuperando os bos comportamentos e valores que, xunto ao esforzo pola superación persoal e o traballo en equipo, constitúen a base formativa dunha sociedade plural e solidaria.
OBXECTIVOS:
· Axudar aos clubes de Santiago pola súa tarefa a prol do deporte base da cidade.
· Formar os/as deportistas, técnicos e árbitros .
· Favorecer os comportamentos cívicos e a transmisión de valores sociais e humanos a través do deporte.
· Sensibilizar os clubes e deportistas na importancia dos bos hábitos saudábeis.
· Mellorar a educación cara á non violencia.
· Fomentar a responsabilidade social corporativa das empresas
· Recoñecer publicamente as persoas e entidades que apoian ao deporte.
BENEFICIARIOS:
· Todos os clubes federados que desenvolvan a súa actividade deportiva no Concello de Santiago.
REQUISITOS:
· Estar rexistrado no Concello de Santiago.
· Desenvolver a actividade dentro do ámbito das Federacións Deportivas.
· Cumprimentar a folla de solicitude das Axudas do Programa Deporte e Vida (PIDEVI).
SOLICITUDES E PRAZO DE PRESENTACIÓN:
· As solicitudes formalizaranse mediante instancia dirixida á Fundación Compostela Deporte, co domicilio no Estadio de San Lázaro, Porta 16, e deberán presentar e acreditar os datos persoais dos deportistas, técnicos e auxiliares nos impresos facilitados pola Fundación.
· O prazo finaliza o 31 de outubro de 2007.
ABONO DAS AXUDAS:
a) Contía Fixa e variabel
Os clubes que decidan participar van recibir 1000€ pola realización do PIDEVI. No momento de inscribirse percibirán 400€ de contía fixa que se pagarán no mes de Novembro. Os 600€ restantes de contía variabel seranlles ingresados ao rematar o Programa no mes de xuño unha vez cumprimentados por parte do club as fichas facilitadas pola Fundación para realizar os controis entre os deportistas.
Non asisitir ás Aulas de Formación terá unha penalización de 100€ por sesión que se descontará da contía de 600€.
b) Premios
1) A Fundación Compostela Deporte recoñecerá ao final da presente tempada o traballo das entidades deportivas de Santiago participantes no programa PIDEVI, outorgando os Premios DEPORTE e VIDA cunha contía de 3.000 € en cada un dos seguintes apartados:
- SAÚDE
- EDUCACIÓN
- BENESTAR SOCIAL
- NON VIOLENCIA
2) O PREMIO ESPECIAL DEPORTE e VIDA de 10.000€ para o clube que sexa merecedor de tal distinción pola súa labor na execución conxunta dos catro programas anteditos.
3) A FCD en colaboración coa USC outorgarán un PREMIO DEPORTE e INVESTIGACIÓN por valor de 6.000€ entre os traballos realizados neste apartado
TROFEO EMPRESA SOLIDARIA:
A Fundación Compostela Deporte entregará nun Acto Oficial o trofeo EMPRESA SOLIDARIA a entidade colaboradora que se distinga no apoio ao deporte compostelán a través da súa responsabilidade social corporativa.
DOTACIÓN ORZAMENTARIA:
· O Comité Executivo da Fundación Compostela Deporte acordou un orzamento de cen mil euros (100.000 €) para o desenvolvemento do Programa Deporte e Vida.
En Santiago de Compostela, a 29 de setembro de 2007