Un circuíto nas estradas do Polígono do Tambre será o escenario da I Carreira Solidaria “Polígono do Tambre”, que se celebrará o vindeiro 17 de xuño, e que terá entre catro e seis quilómetros de percorrido. Unha cita posto en marcha pola asociación non gobernamental Intermón Oxfam, por iniciativa do atleta santiagués Pedro Nimo, que ten o obxectivo de recadar fondos para a construcción dunha escola en Angola. O evento conta co patrocinio da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre e coa colaboración da Fundación Compostela Deporte e do Concello de Santiago.
Todos aqueles que queiran colaborar coa iniciativa poden inscribirse para participar na carreira a través do portal de Internet www.championchipnorte.com, chamando ao teléfono 982 816 884, acudindo á tenda compostelá Amancio Deportes ou ás oficinas de Caixa Galicia (especificar “donativo carreira” facendo o ingreso no número de conta 2091/000/31/3040153300. O custo da inscrición é de tres euros, anque aqueles que queira, poden incrementar –na medida das súas posibilidades- a cantidade do donativo.
O atleta compostelán, Pedro Nimo, lembrou a “importante tarefa” que realizan as ONG`s como Intermón Oxfam, da que el tomou consciencia cando se contaxiou de malaria nunha proba no estranxeiro e ao mesmo tempo dou as grazas ao Concello de Santiago, á Fundación e aos empresarios do Polígono do Tambre polo apoio económico para a celebración da carreira.
“Quero darvos as gracias a todos porque esta é unha idea que xorde dunha mala experiencia, aínda que pareza raro, tiven que coller a malaria para idear unha iniciativa desde tipo. A verdade e que cando empezas parece todo máis sinxelo e vaise complicando. Pero tiven a sorte de que apareceu xente con gañas de colaborar. Os empresarios desde o principio decidiron aportar o seu grao de area, o señor Portas desde o primeiro momento se amosou perceptivo á idea e despois xa foi todo bastante máis fácil”, afirmou.
Nimo explicou que: “Non se trata dunha carreira competitiva, senón para gozar do atletismo e do deporte en xeral, e que mellor maneira de facelo que axudando a alguén. Penso que é unha xornada que será para disfrutar axudando, sen máis. Pódese facer camiñando. O que se trata é de que o maior número de persoas de Santiago, de Galiza o de onde queiran vir, todo o mundo sempre e benvido nesta cidade, se animen a participar e facer un donativo o máis grande posible, na medida de cada un”. Pola súa banda, o atleta santiagués xa “fichou” aos seus pais para a carreira.
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Jesús Chenel, subliñou que a súa entidade: “Poñerá todo para intentar que todos os traballadores do polígono participen na cita”. Chenel estivo acompañado hoxe na presentación por outro dos membros da asociación, José Fernández Alborés, moi ligado ao deporte galego, xa que é o presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa e ao compostelán, a través do clube Arteal.
E o Vicepresidente da Fundación Compostela deporte e Concelleiro de Deportes, Manuel Portas, lembrou que é unha cita que: “Vincula o deporte cunha finalidade de caracter social para dotar de recursos a Intermón Oxfam. Nun evento que, por outro lado, ten o obxectivo de gozar dun día de deporte nunha carreira que non é competitiva, senón simbólica”. Por último, a presentación tamén contou coa presenza do crossista vigués, Alejandro Gómez, varias veces campión de España e do Xerente da Fundación Compostela Deporte, Santiago Araújo.