Fundacin Compostela Deporte
 Detalle del Artículo:

Volta Ciclista da Ascensión

Xacobeo, Caixanova, Skoda Brea Automoción e Coca Cola son os patrocinadores da proba

 

A Fundación Compostela Deporte xunto cos organizadores da proba no eido deportivo a Federación Galega de Ciclismo e o Clube Ciclista Compostelano, presentaron esta mañá aos patrocinadores: a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Caixanova, Skoda Brea Automoción e Coca Cola, da Volta Ciclista da Ascensión, que se celebrará os días 17, 18 e 19 de maio, entre os que se atopan os mellores conxuntos galegos, do resto do estado e de Portugal, da categoría elite e Sub 23.

<

A Fundación Compostela Deporte xunto cos organizadores da proba no eido deportivo a Federación Galega de Ciclismo e o Clube Ciclista Compostelano, recuperan a vindeira semana, entre os días 17 e 19 de maio, a Volta Ciclista da Ascensión; unha proba que se desenvolverá gracias ao patrocinio da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Caixanova, Brea Automoción e Coca Cola.

 

Manuel Portas, Vicepresidente da Fundación e Concelleiro de Deportes de Santiago, expresou: “O agradecemento en nome dos organizadores, dos Patronos da Fundación e no meu propio, que tanto Xacobeo, Caixanova, Skoda Brea Automoción e Begano (empresa distribuidora de Coca Cola) que teñan mostrado interese, querido e aceptado colaborar de maneira entusiasta neste fito, creo que modesto pero histórico, de recuperar a Volta nun formato, que caracterizou a Santiago de Compostela no mundo do ciclismo até o ano 1991”.

 

Por outra banda, Portas tamén presentou as “desculpas” do presidente da Federación Galega de Ciclismo –colaboradora activa da organización da proba-, Sabino Cortizo, que tivo que ausentarse da sede da Fundación minutos antes de empezar a presentación “debido a motivos familiares”.

 

Na presentación tamén se exhibiron os maillots da Volta Ciclista da Ascensión do 2007. Un de cor amarela, que lucirá o líder de cada unha das tres xornadas da proba así como o vencedor final da proba; outro de cor branca para o premio da montaña e un de cor verde para o líder das metas volantes. Ademais, tamén se presentou o trofeo que levará o vencedor final que está composto polo maior símbolo da cidade, a Catedral de Santiago, e un corredor coa súa bicicleta, así como os trofeo co logo da Fundación que recibirán o segundo e terceiro clasificados da proba, así como os que se alcen cos premios especiais.

 

 

 

Marcial Rodríguez, en representación Sociedade Xestora do Plan Xacobeo, manifestou o seu convencemento de que a Volta Ciclista da Ascensión será: “Un éxito. Espero que teña continuidade no sucesivo e que siga contando coas empresas patrocinadoras e colaboradoras na súa organización”.

 

Pola súa banda, Jorge Santos, Director de Marketing de Caixanova, lembrou o apoio da entidade que representa ao deporte base, ás actividades de iniciación. “Pero iso tamén nos permite ter un enorme respecto de cara ao deporte de elite. Porque somos conscientes de que son complementarios, dúas caras da mesma moeda. De igual maneira que a elite se nutre da base, esta se motiva coa elite”, engadiu.

 

Santos tamén falou da Volta que se desenvolverá a vindeira semana a través das rúas de Santiago así como das estradas e rúas de 22 concellos veciños da provincia d’ A Coruña e cinco de Pontevedra, supón a recuperación dun dos: “Sinais do deporte en Santiago. É obrigatorio estar aquí e dar satisfacción aos afeccionados ao ciclismo na cidade”.

 

Xosé Brea, máximo responsable de Skoda Brea Automoción, referiuse a Volta Ciclista da Ascensión como un: “Evento moi grande para Santiago e, polo tanto, é un orgullo para todos nós”. Pola súa banda, María Sande, representante de Begano, indicou que: “Desde Coca Cola queremos agradecer á organización que nos invitase a estar. Ademais de felicitalos porque sempre é un motivo de satisfacción colaborar cunha iniciativa que recupera unha Volta que tiña unha grande traxectoria en Santiago. Cunha actividade que fomenta o ocio activo entre os máis mozos, que hoxe en día teñen máis ocio sedentario”, afirmou.

 

Nemesio López, presidente do Clube Ciclista Compostelano, no nome propio e da directiva do clube agradeceu a todos os patrocinadores que: “Son os que fan posíbel este evento deportivo coa súa colaboración. Somos un clube humilde pero adquirimos o compromiso, porque é un reto importante para nós, de que ao remate da proba todos quedarán satisfeitos pola organización”. Por outra banda, López expresou o seu convencemento de que a Volta será unha carreira “magnífica” para a que só desexou que “o bo tempo nos acompañe”.

 

 


Escrito por: fundaciongl
Data de publicación: 10/05/07
Veces lido: 118

Voltar

  

  • Galego
  • Castellano