A Fundación Compostela Deporte presentou esta mañá a Fase Final Internacional da Compostela Cup do Camiño 2008 –que conta co patrocinio de Xacobeo e Caixanova-, para a que están inscritos máis de 400 equipos e na que se disputarán máis dun millar de partidos e probas. O acto contou coa presenza do Vicepresidente da Fundación e Concelleiro de Deportes de Santiago, Andrés Fariña; do Subdirector Xeral de Ordenación do Turismo da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, Xavier Valiño; Marcial Rodríguez, adxunto á Dirección da Sociedade Xestora do Plan Xacobeo e Jorge Santos, Director de Marketing de Caixanova.
Andrés Fariña, Vicepresidente da Fundación e Concelleiro de Deportes de Santigo, “agradeceu” o apoio das entidades patrocinadoras e colaboradoras, das federacións deportivas galegas e das demáis entidades deportivas, culturais e sociais para o desenvolvemento do Torneo. Ao mesmo tempo subliñou a importancia de que: “O deporte vaise enraizando pouco a pocu na mentalidade de moitos axentes, na empresa privada, nas institucións públicas e demais entidades. Temos que elevar o deporte á categoría de necesario para unha mellor sociedade”, afirmou.
“A Fundación quere, xunto a todos os axentes, incrementar os valores que no día de mañá nos permitirán ter persoas máis formadas. Levar adiante este tipo de iniciativas, como a Compostela Cup do Camiño, desde o punto de vista da globalidade en beneficio da sociedade. E faino baixo o paraugas do Concello de Santiago, que tamén aposta por este tipo de política deportiva”, engadiu.
Pola súa banda, o Subdirector Xeral de Ordenación do Turismo Xavier Valino, destacou o carácter formativo e cultural do Torneo. “A Compostela Cup do Camiño va máis aló do aspecto competitivo, serve para ensalzar os valores e o encontro e hermanamento entre deportistas de distinta procedencia. Elementos que tamén ilustran o fenómeno Xacobeo. Cómpre lembrar tamén que a experiencia do Camiño de Santiago está vinculada ao deporte, porque os peregrinos chegan a Compostela a pé, en cabalo ou en bicicleta”, comentou.
E o Director de Marketing de Caixanova, Jorge Santos, destacou o “crecemento” da Compostela Cup do Camiño: “Desde a súa orixe, non só en número de participantes, senón tamén nos seus obxectivos, xa que é unha competición que da moita importancia á convivencia entre os seus participantes. Ademais, superou o localismo. É algo de Galicia; e mantén siñerxias con outros campionatos da nosa comunidade. Tamén é unha enorme satisfacción ver como en cada edición aumenta o abano de deportes”, sinalou, ao mesmo tempo que deixou a idea de que en vindeiras edicións os familiares e acompañantes se vexan implicados no Torneo.
Fase Final
A Fase Final da Compostela Cup do Camiño se desenvolverá entre os vindeiros días 14 de xuño e 6 de xullo. Na disciplina de fútbol, contará con equipos procedentes de distintas comunidades autónomas españolas como Andalucía ou Castela-A Mancha. No ámbito internacional está confirmada a presenza de varios clubes portugueses de Braga, Bragança, Lisboa e Porto. Ademais, tamén estarán os equipos de base dos clubes más representativos do fútbol galego: Deportivo, Celta, Racing de Ferrol e Lugo, e a práctica totalidade das canteiras máis representativas das catro provincias da nosa comunidade.
Na modalidade de baloncesto destaca a participación no Torneo dos equipos das categorías inferiores do CB Pío XII de Santiago, o CB Arxil de Pontevedra, o CB Cidade de Lugo, o CB Marín Peixe Galego e o IB Rosalía de Castro, entre outros. E tamén conxuntos procedentes das comunidades autónomas de Castela-León, Cataluña, Estremadura ou Valencia. Así como formacións procedentes de Portugal.
A disciplina de fútbol sala contará cunha ampla representación de equipos galegos entre os que destacan O Parrulo FS e o Lobelle de Santiago. Mentres que para o atletismo acudirán á cita, entre outros, o Clube Atletismo Noia, Atlética A Silva, San Xoán de Ferrol ou a EDM Riveira.
O ciclismo, unha das novidades da presente edición do Torneo, estreará a súa andaina na competición coa disputa dunha proba que sairá de Palas de Rei e terá a súa chegada no Estadio Multiusos de San Lázaro, en Santiago de Compostela.
Cómpre lembrar tamén que, un ano máis, os deportes maioritarios convivirán coas exhibicións doutras modalidades deportivas como: o tenis de mesa, a loita, a esgrima ou o xadrez.
As datas de celebración das finais nas distintas modalidade deportivas son:
|
MODALIDADE |
DATA |
|
Balonmán |
14 de xuño |
|
F7 Veteranos |
16 a 22 de xuño |
|
Baloncesto |
19 a 22 de xuño |
|
Atletismo pista |
21 de xuño |
|
Fútbol sala |
23 a 28 de xuño |
|
Fútbol 11 |
23 a 29 de xuño |
|
Atletismo ruta |
28 de xuño |
|
F11 Feminino |
2 de xullo |
|
F7 Feminino |
3 a 6 de xullo |
|
F7 Nenos (as) |
3 a 6 de xullo |
|
Ciclismo |
3 de xullo |
Fases Previas
A Compostela Cup do Camiño 2008 comezou hai seis meses coa disputa da Fase Local, que se desenvolveu en 23 concellos galegos: Abegondo, Allariz, Ames, Arzúa, Boimorto, Boiro, Cerceda, Ferrol, Lugo, Mos, Noia, O Pino, Oroso, Ourense, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Ribadeo, Ribeira, Sarria, Teo, Verín e Xinzo e na localidade portuguesa de Porto. Nesta rolda participaron un total de 220 equipos e 3.735 deportistas, nas modalidades de atletismo en pista e ruta, baloncesto, fútbol e fútbol sala.
E os Concellos de Ferrol e Ourense foron as sedes da Fase Comarcal. Nesta segunda rolda da competición estiveron un total de 41 equipos e 787 deportistas, nas disciplinas de: baloncesto, fútbol e fútbol sala.
Polo que até o de agora, na Compostela Cup do Camiño 2008, participaron un total de 261 conxuntos e 4.522 deportistas.
Historia
Cómpre lembrar que, desde a súa orixe no 2005, a Compostela Cup foi medrando paulatinamente. Na súa primeira edición contaba con dúas modalidades deportivas: fútbol e fútbol 7. Ao seguinte ano sumáronse o baloncesto e o fútbol sala, mentres que na pasada edición foron o balonmán e o fútbol de veteranos. E, para a presente edición, ás disciplinas deportivas mencionadas uníronse o atletismo en pista e ruta e o ciclismo. Ademais, de xeito progresivo tamén foron aumentando o número de categorías en cada un destes deportes.
O incremento de número de modalidades deportivas no Torneo supuxo que pouco a pouco fose medrando o número de participantes e dos seus lugares de procedencia: Galicia, doutras autonomías do territorio español e do estranxeiro.
Porén, a evolución máis importante da competición foi cualitativa. Desde a pasada edición o Torneo cambiou o seu nome polo de Compostela Cup do Camiño para sumar, aos seus obxectivos iniciais a unión entre o deporte e a cultura. O deporte e os distintos Camiños que levan a Compostela.
O novo deseño do Torneo nace coa finalidade de dar a coñecer o Patrimonio Cultural, Natural e Mitolóxico galego, polo que desde a terceira edición as fases previas do torneo: locais e comarcais, dispútanse ao longo dos distintos concellos pertencentes as catro provincias da nosa comunidade, que forman parte do Camiño de Santiago.
E, sobre todo, a Compostela Cup do Camiño persegue fomentar o intercambio cultural, de experiencias e pensamentos, entre os seus participantes para fomentar o soño dun mundo mellor, sen fronteiras nin atrancos culturais ou de raza.