As autoridades subliñaron a importancia dos hábitos de vida saudable aos máis de 600 escolares que participaron no IV Encontro Deportivo da Asociación Española de Pediatría “O deporte é saúde”. O acto de clausura contou coa presenza do Alcalde de Santiago e Presidente da Fundación Compostela Deporte, Xosé A. Sánchez Bugallo, a Conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, e o membro da Xunta Directiva da Asociación Española de Pediatría (AEP), Dr. Carlos Paredes. Na xornada desenvolvida no Estadio de San Lázaro participaron 650 escolares de Santiago e a súa área de influencia. Rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos gozaron das actividades desta iniciativa, destinada a traballar de forma conxunta polo fomento de hábitos de vida saudables a través do deporte, organizada pola Fundación Compostela Deporte, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e a Sociedade Galega de Pediatría, coa colaboración do Concello de Santiago e de entidades como: Cruz Vermella, Alcampo, Begano-Coca Cola, Feiraco e Centro Deportivo.
Sánchez Bugallo tamén “felicitou” aos escolares por dedicar a mañá de hoxe ao deporte e a saúde. “Fixechedes moito exercicio, algo que vos vai moi ben. Pero tamén fixechedes unha obra de caridade moi importante, porque ao vir vos aquí, os vosos profesores tamén fixeron un pouco de actividade física e a les facíalles máis falta”, engadiu.
A Conselleira de Sanidade da Xunta de Galicia, María José Rubio Vidal, tamén subliñou a importancia do deporte para os escolares. “Agora que tedes unha boa saude, e que case ningún e ningunha tedes algún problema de enfermidade, tedes que conservala. Para elo é fundamental facer exercicio, seguir unha boa dieta alimenticia, non fumar, non beber e non consumir drogas”, afirmou.
Pola súa banda, o membro da Xunta Directiva da AEP, o Dr. Carlos Paredes, subliñou que: “Hai cinco anos fixemos unha aposta polos nenos e nenas no desenvolvemento do noso Congreso, que hoxe se viu superada con creces. Quero agradecervos a todos a vosa presencia neste encontro porque realmente a actividade física é a clave básica para o voso desarrollo. Gracias en nome de todos os pediatras españois”, comentou.
Na clausura tamén estiveron o Concelleiro de Deportes de Santiago e Vicepresidente da Fundación, Andrés Fariña; o Director Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Ramón Medina e o Presidente da Sociedade Galega de Pediatría, Juan Manuel Sánchez Lastres.
Cómpre lembrar que o IV Encontro Deportivo da AEP enmárcanse dentro das accións de desenvolvemento do Plan Integral Deporte e vida (PIDEVI), posto en marcha pola Fundación coa finalidade de poñer en valor os beneficios que reporta o deporte nos ámbitos da saúde, os bos comportamentos, a non violencia e o benestar social entre os deportistas de Compostela e o seu ámbito de influencia; do Programa PASEA da Consellería de Sanidade e da celebración do 57 Congreso da Asociación Española de Pediatría que se está a celebrar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago.
O obxectivo do IV Encontro Deportivo da AEP é desenvolver actividades deportivas entre os nenos (as) de primaria para sensibilizar da importancia do xogo e dos bos hábitos saudables, entregándolles material informativo; a realización dunha avaliación física promovida polo programa PASEA da Xunta de Galicia e de unha enquisa sobre hábitos alimentarios e saudables, proposta pola Sociedade Galega de Pediatría.
Ao longo da mañá os nenos e nenas que estiveron en San Lázaro puideron practicar deporte nas zonas habilitadas para a realización de xogos de tenis de mesa, con pelota e na de carreiras atléticas. E tamén dos hinchables, obradoiros e atraccións de baile. Estas últimas actividades contaron coa colaboración de Alcampo, Begano-Coca Cola, Feiraco, Centro Deportivo e Cruz Vermella.
En San Lázaro tamén houbo un stand da Consellería de Sanidade de valoración de forma física e consello personalizado sobre actividade física e alimentación, con persoal especializado do INEF, dentro do Programa PASEA. E se realizaron enquisas elaboradas pola Fundación e a Sociedade Galega de Pediatría en relación co PIDEVI.
Xornada divulgativa
O IV Encontro Deportivo da AEP “O deporte é saúde” complementase esta tarde coa celebración dunha xornada divulgativa –ás 19.30 horas no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia- a cargo do Dr. Rafael Tojo Sierra, Catedrático de Pediatría da Universidade de Santiago e Xefe do Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, dirixida aos pais e nais, educadores, adestradores e á sociedade en xeral, para fomentar a importancia dos hábitos saudables e o deporte na educación dos mozos (as) para mellorar a súa saúde presente e futura.
57 Congreso da AEP
O IV Encontro Deportivo “O deporte é saúde” forma parte tamén das actividades complementarias do 57 Congreso da AEP, que se está a celebrar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. Este congreso reúne a más de 2.200 pediatras, o que supón unha das convocatorias con maior participación. Destacados expertos nacionais e internacionais están a presentar as últimas investigacións tanto de carácter médico como socio-sanitario, relativas á infancia e á adolescencia.