O Vicepresidente da Fundación Compostela Deporte e Concelleiro de Deportes de Santiago, Andrés Fariña, e o Presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre (AEPIT), Jesús Chenel, presidiron hoxe a presentación da “II Carreira Solidaria Polígono do Tambre”, que se celebrará o vindeiro 1 de xuño nesta área empresarial compostelá, e que nesta edición ten o obxecto de recadar fondos para Proxecto Home Galicia. A cita volverá a contar coa participación dun dos adestradores da Selección Galega de Fútbol, Arsenio Iglesias, e dos atletas Alejandro Gómez e Andrés Díaz, aos que se suman este ano o ciclista do Karpin Galicia, Ezequiel Mosquera, e o ex xogador do Deportivo e do Compostela José Ramón González. Tamén teñen prevista a súa asistencia, en función das súas axendas, o actor Sergio Pazos e o ex xogador do Deportivo “Fran” González.
Andrés Fariña amosou a súa “ilusión” polo desenvolvemento desta iniciativa deportiva na que conflúe a colaboración entre a administración, a empresa e o deporte. “Tres sectores que teñen que facer moito a prol da igualdade de dereitos, na loita contra o racismo e, neste caso, aunar esforzos en defensa do traballo que fai proxecto Home en Galicia en beneficio das persoas que perderon toda capacidade de decisión sobre os seus comportamentos”, afirmou.
O Vicepresidente da Fundación e Concelleiro de Deportes de Santiago engadiu que: “O deporte ten ao seu favor que é unha acción sen fronteiras, que se pode desenvolver en calquera lugar. Por iso é un instrumento básico para poder conseguir recursos e poñer medios para solucionar os problemas de moita xente”.
O acto tamén contou coa presenza da Concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín, que manifestou o “apoio” do Concello de Santiago e do departamento que preside a esta iniciativa que une deporte e solidaridade. “Tamén é fundamental a causa. É un acerto elexir á organización Proxecto Home Galicia, un proxecto pioneiro en Santiago e Galicia en canto á recuperación de persoas adictas ás drogas”, subliñou.
Pola súa banda o Presidente da AEPIT, Jesús Chenel, expresou a súa satisfacción pola continuidade da Carreira Solidaria Polígono do Tambre. “Por outra banda, é un orgullo poder decir que a nosa área empresarial e as súas empresas se comprometen cada día máis en iniciativas sociais e solidarias. Esperamos seguir así e seguir facendo gala da responsabilidade e compromiso social. Nos parece que para que exista unha sociedade xusta tamén é importante que o mundo empresarial aporte algo dos seus beneficios a estes proxectos”, indicó.
Neste senso, Fariña engadiu que a responsabilidade social da empresa é un aspecto fundamental. “Traballar en beneficio dos máis necesitados é algo importantísimo e que espero que pouco a pouco poda ir calando en todas as empresas. Se non contamos coa colaboración as empresas, difícilmente a administración poderá chegar a todos os ámbitos, porque cada vez son máis os rapaces que practican unha maior variedade de deportes”, explicou.
O impulsor da Carreira Solidaria Polígono do Tambre, o atleta santiagués Pedro Nimo, agradeceu as entidades organizadoras e colaboradoras (Concello de Santiago, Cruz Vermella, Begano-Coca Cola e Centro Deportivo) o apoio por segundo ano consecutivo á iniciativa.
“Creo que o deporte ten que ir sempre ligado e, máis hoxe en día, a outras accións. Neste caso a unha iniciativa solidaria”, comentou Nimo e agregou que: “Os deportes dan unha serie de valores que non se aprenden nas escolas”, subliñou.
Pola súa banda o Director de Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez, afirmou que: “Este é para mín un momento moi importante e cheo de significado. Para unha institución como a que represento, na que tamén estamos nunha longa liota e ninha gran marcha de solidariedade por facer que tantos xoves ao longo destes case vinte anos recuperen o protagonismo da súa vida que é: decir non á droga e recuperarse plenamente para a integración social das persoas”.
Gómez engadiu que: “Nós somos os únicos que realmente temos que dar gracias a todos por pensar na nosa institución. Para os que traballamos diariamente nesta loita de axudar aos xoves a que reorienten o seu proxecto vital, iniciativas como estas son un impulso para os profesionais, os voluntarios e os propios usuarios. Neste momento en Proxecto Home Galicia son máis de 500 xoves os que están loitando por recuperar a súa vida. É un momento bonito e cheo de significado porque a sociedade os deportistas de elite como Pedro Nimo, e todos os que se darán cita na carreira, non lle dan as costas aos nosos mozos e mozas”.
Carreira Solidaria
O Delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo (que levará o control técnico da proba), Iván Sanmartín, explicou as características técnicas desta proba que se desenvolverá por segundo ano consecutivo nas estradas do Polígono Industrial do Tambre. “A saída estará na Vía Edison (a carón do concesionario Noyamóvil), ás 11.30 horas. Os participantes terán que dar tres voltas a un circuíto de 2.200 metros, completando un total de 6.600 metros”.
Sanmartín subliñou que a proba é de participación aberta. “Tanto para atletas federados como non federados, e a clasificación será conxunta. Haberá dúas categorías de competición, que participarán conxuntamente: Infantil: atletas nados no ano 1.993 e posteriores e Adultos: atletas nados no ano 1.992 e anteriores”, precisou.
O Delegado en Santiago da FGA , apuntou que todos (as) os (as) que queiran participar nesta “II Carreira Solidaria Polígono do Tambre” dispoñen de dúas vías para formalizar as súas inscricións: no correo electrónico: inscricionsFGAsantiago@gmail.com ou a través do número de fax 981.191.559; indicando os seguintes datos: nome e apelidos, data de nacemento completa (día/mes/ano), clube en número de licenza (se a ten) e correo electrónico. O prazo de inscrición rematará o venres 30 de maio ás 14.00 horas.
Dado o carácter solidario da proba, para poder participar na mesma entregarase un donativo no momento da recollida do dorsal, cuia cuantía será persoal, nunha carpa que será habilitada a tal efecto a carón da saída da proba. Todos os donativos serán entregados á organización Proxecto Home Galicia (toda a información referente á mesma poden consultala no portal de internet www.proxectohome.org).
Por último, Iván Sanmartín tamén explicou que se outorgarán trofeos aos tres primeiros clasificados tanto na categoría infantil como na de adultos (tanto en homes como en mulleres).