A Fundación Compostela Deporte acolleu esta mañá a presentación do Campionato Galego de Ciclocross, que terá lugar o vindeiro día 30 de decembro no Complexo Monte do Gozo a partir das 10.30 horas. A proba, organizada polo Clube Ciclista Aquagest coa colaboración da Fundación, o Concello de Santiago, a Federación Galega de Cicclismo, a Sociedade Xestora do Plan Xacobeo, Aquagest, o Complexo Monte do Gozo, Coca Cola, Cruz Vermella e Protección Civil, contará coa presenza de case 200 corredores, pertencentes a 19 equipos galegos.
O Vicepresidente da Fundación e Concelleiro de Deportes de Santiago, Andrés Fariña, expresou no nome da entidade o: “Agradecemento ás empresas, institucións e a Federación, que prestan un apoio indispensábel para este campionato. O que permite que a Fundación (que aporta 6.000 euros) poida seguir cumprindo a misión que se ten enconmendada de divulgación do deporte. Ademais, por parte do Concello de Santiago, é unha satisfacción poder ter esta proba aquí en Santiago”.
Fariña está convencido que a colaboración de institucións, empresas e a Federación Galega de Ciclismo, engadida ao grande número de participantes farán que o campionato sexa un “éxito” e lembrou que o ciclocross é unha disciplina característica das rexións do norte de España. “Galicia e, en particular, Santiago, están agora representadas polo CC Aquagest, que está rendindo a un gran nivel nacional”, afirmou.
Os clubes participantes no Campionato Galego de Ciclocross son: CC Barbanza-JJChicolino; CC Cambre-Frisonoble; CC Compostelano-Muebles Compostela; CC Padroñés-Aluminios Cortizo; CC Rey; AD Picaraña; CC Feminino Klimanor; CC Correcaminos; CC Sarriano; CC Maceda-Academia Postal; CC Ourensán; CC Ponteareas-Expert; CC El Rosal-Hermanos Ozores; CC Estradense-Hierros Diego; CC Spol-Caixanova; Karpin Galicia; Monteferro Bike Club; CC Triki-Muros e o propio CC Aquagest.
O Vicepresidente da Fundación tamén subliñou a importancia desta ampla participación do ciclismo galego. “A participación de todos os equipos de Galicia é fundamental porque fai moito máis rica a proba”, asegurou.
Pola súa banda, o Director Rexional de Aquagest, Alfonso Luaces, subliñou que a empresa que representa, patrocinadora do clube organizador do Campionato: “Segue comprometida co deporte compostelán e co deporte galego. Estamos satisfeitos polos éxitos acadados polo equipo e, sobre todo, por levar o nome de Galicia e o deporte polo mundo adiante”. Luaces engadiu o agradecemento: “Á Fundación e ao Concello pola colaboración co campionato e á Federación Galega de Ciclismo por ter permitido que a proba se dispute en Santiago”.
Pola súa banda, o Vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo, Estanislao Vázquez, sublinou que a entidade que representa concedeu a organización do campionato galego ao CC Aquagest: “Porque nos parece que é o clube referente do ciclocross en Galicia e tamén de toda España. Practicamente as súas participacións en campionatos e torneos cóntanse por triunfos. Só compre desexarlle moita sorte para o día 30, e lembrarlle que contan con todo o noso apoio, como non pode ser doutro xeito, porque é unha satisfacción traballar con xente que traballa ben e, ademais o fai polo ciclismo”, comentou.
As inscricións poderán formalizarse o mesmo día do Campionato Galego de Ciclocross entre as nove e as dez da mañá. Media hora máis tarde comezará o Campionato coa disputa das probas da categorías: Elite, Cadete e Junior Femininas, así como a de Cadetes Masculina. Ás 11.30 horas disputaránse ás da categoría: Junior, Máster 30, 40 e 50 e a Ciclomaster, todas masculinas. E ás 12.30 horas finalizará a competición coas probas: Elite, sub 23 e sub 21 masculinas.
O Director do CC Aquagest e do Campionato, Juan Rey, destacou o lugar que acollerá as probas do Campionato Galego de Ciclocross: “O entorno do Monte do Gozo é magnífico, incluso para facer unha Copa do Mundo, porque é moi longo e desde calquera punto do circuíto poderase ver toda a carreira sen problemas”, comentou.
Rey tamén destacou que, á marxe da climatoloxía do vindeiro día 30 de decembro, o campionato ten garantida a competencia e o espectáculo. “Se chove será moi duro porque todo é prado e se non chove será rápido. Todas as probas serán moi duras. Para a xente será un campionato que pode ser un espectáculo bastante agradable de ver”, explicou.
En canto ás aspiracións do CC Aquagest,: “Considero que como equipo temos moitas posibilidades de conseguir bos resultados, sobre todo con Óscar Vázquez, Mauro González, o pai deste último que corre cos veteranos. Creo que poden ser campións. A sorpresa pode ser Lucía Vázquez que tras case un ano sen competir, leva dous meses preparándose, comezará a correr esta fin de semana na zona de Vigo e ten moita ilusión por acadar este campionato”, concluiu Rey.
O Vicepresidente da Fundación, tamén aproveitou a presentación para adiantar que o vindeiro ano Santiago contará cun: “Espazo habilitado de ciclocross na Granxa do Sexto, posto a disposición dos cidadáns e cidadás que queiran dar unha volta. O seu percorrido non terá grandes dificultades e os interesados terán bicicletas á súa disposición”, sinalou.