O Vicepresidente da Fundación Compostela Deporte, Andrés Fariña, fixo esta mañá un balance do total de axudas que repartirá a entidade no presente ano. A cantidade total ascende a 170.154 euros. As entidades deportivas compostelás recibirán a maior parte destas axudas, 123.200 euros, o vindeiro venres, nun Acto Oficial que terá lugar no Hotel Puerta del Camino a las 20.30 horas.
Fariña explicou que, por unha banda, a entidade repartira entre os 75 clubes federados da cidade que o solicitaron, os 100.000 euros correspondentes ao programa de Axudas 2007, destinados por terceiro ano consecutivo a: “Contribuír á mellora da xestión das entidades deportivas mendiante o outorgamento de axudas económicas polas mutualidades deportivas, a compra de material deportivo e informático e os gastos en desprazamentos a competicións oficiais. Algúns deles moi custosos e continuos”.
Entre estes 75 clubes beneficiarios do programa de Axudas, cómpre subliñar a incorporación, a respecto do ano pasado, de entidades dedicadas á formación dos rapaces e rapazas composteláns nas disciplinas deportivas de: esgrima, ciclismo, loita, karate, baloncesto e fútbol.
O Vicepresidente lembrou que, ademais, aos 58 clubes adscritos ao Plan Deporte e Vida (PIDEVI) se lles fará efectivo o primeiro plazo do programa, de 400 euros para cada un deles. Fariña lembrou que esta nova iniciativa da Fundación que ten como obxectivo fomentar a educación, a saúde e os bos comportamentos ten un grande interese.
“O PIDEVI busca a recuperación deses valores que temos un pouco esquecidos na sociedade en xeral e procurar que os rapaces e rapazas poidan buscar, a través do deporte, esa formación máis humana e non tan competitiva que o día de mañá nos permita ter unha sociedade máis solidaria”, afirmou.
Por último, Fariña apuntou que a partida que completa o total de axudas repartidas pola Fundación no 2007 é a correspondente aos 46.954 euros recadados polos donativos recibidos polas entidades deportivas da cidade para o sorteo do coche Citroën C3 doado polo Grupo Noya, Patrono da Fundación, e cuxos ingresos foron a para íntegramente aos clubes.
“Quero felicitar os propios clubes pola recadación e tamén é unha obriga agradecer e facer un recoñecemento público ao Grupo Noya pola entrega desde coche para o sorteo. É labor da Fundación concienciar á empresa privada da necesidade de colaborar co deporte en Santiago. O Grupo Noya é un claro exemplo desta colaboración e espero que cunda o exemplo nas outras. As entidades privadas e as administracións temos que colaborar no beneficio da sociedade”, finalizou.
Por outra banda, a Fundación tamén acolleu hoxe a presentación da II edición da Exposición da Memoria Deportiva Compostelá, que poderá contemplarse o vindeiro venres día 14 no Hotel Puerta del Camino, na antesala ao salón que acollerá a III Gala do Deporte.
O coordinador da mostra, Francisco Pena, subliñou que na exposición poderán contemplarse imaxes do deporte santiagués: atletismo, fútbol, ciclismo, boxeo, hockei sobre patíns e baloncesto, estes dous últimos coa Praza da Quintana como escenario habitual da súa práctica, etc., dos primeiros cincuenta anos do século XX.
Tamén amosarase a historia, e nalgúns casos as equipacións deportivas, de clubes como: o Racing de San Lorenzo, a Sociedade Deportiva Compostela Sporting Clube, o Vista Alegre ou o Victoria de fútbol; ou os de baloncesto: o San Clemente, o SEU, o La Salle, este último tamén en hockei sobre patíns. Así como trofeos da época recuperados para a Exposición. Neste senso, Francisco Pena destacou a labor da Unión Protectora de Artesanos nas tarefas de recuperación, debido a que: “Moitos deles estaban deteriorados”, explicou.