PROGRAMA BOLSAS '08
CONVOCATORIA DE BOLSAS PARA A FORMACIÓN E PERFECCIONAMENTO DOS DEPORTISTAS COMPOSTELÁNS
FINALIDADE
O Concello de Santiago de Compostela, a través do seu Departamento de Deportes, como membro do Padroado da Fundación Compostela Deporte, ten dentro dos seus cometidos definir a Política Deportiva da cidade e realizar programas que favorezan o desenvolvemento e promoción do deporte.
Dentro deste marco xeral de actuación articúlanse un sistema de axudas destinado a colaborar con aqueles deportistas que están a destacar na súa disciplina grazas ao seu esforzo persoal e ao seu espírito de superación.
A Fundación Compostela Deporte, de acordo coa Política Deportiva do Concello de Santiago e os seus estatutos, ten por obxecto o fomento e promoción do deporte a través do apoio, difusión e axuda ás entidades deportivas da cidade de Santiago e a consolidación ou atracción de eventos deportivos que poidan celebrarse na cidade de Santiago, como medio de promoción e difusión da cultura deportiva, posibilitando un maior achegamento á sociedade en xeral.
As axudas para a formación e perfeccionamento dos deportistas composteláns veñen a cubrir unha necesidade fundamental no desenvolvemento dun plano de apoio o deporte base da cidade para acadar resultados deportivos no máximo nivel que permitan cumprir os obxectivos e chegar a formar parte da elite deportiva
BASES
Primeira. OBXECTO DA CONVOCATORIA.
As bolsas obxecto da presente convocatoria, a outorgar en réxime de concorrencia competitiva, terán como finalidade:
- Apoiar a práctica deportiva e facilitar o rendemento dos/as deportistas composteláns con proxección para acadar a elite deportiva, tanto en relación ao seu perfeccionamento técnico e obtención do maior rendemento nas respectivas especialidades deportivas, como posibilitar a súa participación en eventos deportivos de carácter oficial.
- Ser referencia para outros mozos/as de Santiago e comarca.
- Potenciar e ordenar o deporte na área compostelá.
- Poñer en valor o esforzo dos deportistas por acadar metas.
Segunda. REQUISITOS.
O Departamento de Deportes e a Fundación Compostela Deporte prevén, mediante a resolución da presente convocatoria, o outorgamento de bolsas de promoción deportiva, destinadas a deportistas que, en todo caso, deberán reunir, e acreditar, os seguintes requisitos:
a) Encontrarse empadroado no concello de Santiago de Compostela.
b) Ter unha data de nacemento comprendida entre os anos 1986 e 1998 ambos inclusive, requisito este que non será esixíbel aos deportistas paralímpicos que concorran á presente convocatoria.
c) Encontrarse en posesión da correspondente licenza federativa, estatal ou autonómica na tempada 2008/09 por un clube de Santiago ou por outro da Comunidade Galega no caso de non existir representación no Concello de Santiago.
d) Acreditar a consecución de resultados deportivos relevantes obtidos en competicións oficiais durante os anos 2007 e 2008.
e) Ser seleccionado segundo o baremo establecido ao efecto, que se adxunta, entre os cinco mellores deportistas da delegación de Santiago da especialidade.
Terceira. BENEFICIARIOS.
Todos/as os deportistas que participen en probas individuais e que sexan seleccionados segundo o baremo establecido até un máximo de cinco por cada especialidade.
Cuarta. CONTÍA DAS BOLSAS.
A cantidade correspondente a cada bolseiro será de 1.200 € dirixida a sufragar os gastos relativos á consecución dos obxectivos establecidos polos técnicos deportivos para cada tempada.
Quinta. MÉRITOS DOS ASPIRANTES.
Para a concesión das bolsas, teranse en conta os seguintes méritos aducidos e debidamente acreditados polos aspirantes:
a) Os mellores resultados individuais obtidos en campionatos, torneos, concursos ou outras probas oficiais dos anos 2007 e 2008.
b) Os informes técnicos certificados pola federación correspondente á especialidade deportiva do solicitante, referente ás posibilidades de mellora e proxección do deportista.
c) A firme vontade de superación e perfeccionamento por parte do solicitante.
Sexta. SOLICITUDES.
As solicitudes formalizaranse mediante instancia dirixida á Fundación Compostela Deporte, co domicilio no Estadio de San Lázaro, Porta 16, en duplicado exemplar, e deberá acompañarse da seguinte documentación acreditativa:
a) Fotocopia do DNI da persoa asinante da solicitude, e do DNI e da Licenza Federativa do/da deportista aspirante a concesión da bolsa.
Os asinantes das solicitudes que actúen en nome e representación dos deportistas, deberán aportar documentación acreditativa da súa condición de representante.
b) Historial deportivo correspondente aos anos 2007 e 2008. O Antedito historial deberá reflectirse no impreso oficial que se facilita. En dito impreso deberá figurar a participación en competicións ou torneos oficiais e os resultados obtidos polo/a aspirante á concesión da bolsa, debendo presentarse debidamente visado e conformado pola Federación Oficial da disciplina deportiva correspondente.
c) Certificación federativa, acreditativa de que o/a aspirante a concesión da bolsa é titular da licenza federativa vixente para a presente tempada deportiva e certificación técnica referida ás posibilidades do candidato entre os cinco mellores da Delegación de Santiago ou da federación galega correspondente no caso de non existir delegación en Santiago e que posúen a vontade de proxección e mellora para acadar a elite deportiva na súa especialidade.
d) Volante de empadroamento.
e) Datos bancarios da conta corrente na que transferir, no seu caso, o importe da bolsa.
Sétima. PRAZO DE FORMALIZACIÓN DE SOLICITUDES.
O prazo de presentación de solicitudes e demais documentación complementaria será ata o día 7 de Novembro de 2008.
Oitava. RESOLUCIÓN DA CONVOCATORIA.
Os candidatos/as farán a presentación das solicitudes na sede da Fundación co obxecto de proceder a resolución da convocatoria.
Posteriormente, desde o Departamento de Deportes e a Fundación Compostela Deporte remitiranse as Bases da presente convocatoria a todas as Federacións Deportivas que teñan licenzas federativas na Delegación de Santiago, co obxecto de que, en base aos méritos deportivos acreditados, e as posibilidades de proxección cara a elite deportiva, os entes federativos propoñan a cinco deportistas considerados idóneos para a concesión das bolsas.
Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes constituirase unha Comisión de Selección, integrada polos seguintes membros:
- Membros do Comité Executivo da Fundación Compostela Deporte.
- Representante da Área de Deportes do Concello de Santiago.
- Representante dos Medios de Comunicación Deportivos.
- Representante das Federacións Deportivas.
- Representante da Área de Deportes da USC.
Esta Comisión elixirá entre as solicitudes presentadas até un máximo de corenta deportistas seleccionados seguindo os baremos establecidos que se xuntan nas bases da convocatoria.
Unha vez feita a selección dos corenta deportistas, a Comisión establecerá as mellores doce solicitudes segundo o baremo establecido e até un máximo de tres deportistas por cada especialidade deportiva. Ademais elixirá unha terna de deportistas seleccionados entre as solicitudes presentadas que estimen sexan merecedores do apoio fundacional para a súa formación orientada á elite deportiva.
Novena. ABONO DAS BOLSAS.
O importe da bolsa será aboado nos seguintes prazos:
A) Unha contía de 600,00 euros, en vales para compra de material para a práctica deportiva no Acto de Entrega das Bolsas para os quince bolseiros propostos pola Comisión de Selección.
B) Unha contía de 600,00 euros en efectivo, unha vez acreditado polo beneficiario a través dun certificado emitido polo seu adestrador o grao de consecución dos obxectivos deportivos previstos pola Comisión de Avaliación creada ao efecto polo Departamento de Deportes e a Fundación, ou, no seu caso, as causas obxectivas concorrentes que imposibilitaron a súa consecución. Este certificado deberá ser aportado entre 1 e o 15 de xuño de 2009.
No suposto de que o/a deportista beneficiario/a da concesión de unha bolsa obxecto da presente convocatoria sexa menor de idade, o importe da mesma farase efectiva a favor da persoa que acredite a súa representación legal, asumindo, pola súa parte, a responsabilidade relativa á adecuada utilización da achega económica da bolsa. A ditos efectos, acreditará a súa relación familiar ou titorial co/a menor, aportando o seu Número de Identificación Fiscal (NIF) e a conta bancaria na que transferir o importe da bolsa.
C) Unha contía de 600 euros en vales de material deportivo no Acto de Entrega das Bolsas para os adestradores propostos polos beneficiarios das bolsas para facer o seguimento da actividade deportiva do bolseiro.
D) Unha contía de 120 euros en vales de material deportivo no Acto de Entrega das Bolsas para un máximo de 25 deportistas seleccionados pola Comisión de Selección.
Os vales terán que ser feitos efectivos antes do 31 de decembro de 2008.
Décima. SEGUIMENTO DA TRAXECTORIA DEPORTIVA DOS BOLSEIROS.
A Fundación Compostela Deporte realizará o seguimento das actividades deportivas subvencionadas a través da Comisión de Avaliación e o adestrador proposto polo bolseiro, e poderá acordar a suspensión do procedemento derivado da concesión dunha bolsa cando existan indicios de que o titular da mesma incorra no incumprimento das directrices marcadas pola Comisión, ou se produzan notábeis modificacións na actividade deportiva desenvolvida obxecto da bolsa.
Undécima. DOTACIÓN ORZAMENTARIA.
A dotación orzamentaria da presente convocatoria ascende a unha contía de trinta mil euros (30.000,00 €).
Esta aportación realizarase na súa totalidade a través dos orzamentos da Fundación Compostela Deporte.
Santiago de Compostela a 3 de outubro de 2008